3 abr 2013

O BNG DO CORGO DEMANDA UN PLENO URXENTE PARA TRATAR A ELIMINACIÓN DE ESO E BACHARELATO NO IES AS MERCEDES

O BNG rexistrou esta mesma mañá unha solicitude no propio Concello para que se trate de lograr a mellor solución á problemática que isto xerou para as familias do Corgo
 
O grupo municipal do BNG no Corgo cre que o goberno municipal debe intervir ante unha situación que afecta ao alumnado do Corgo xa que se verán desprazados das Mercedes a outros institutos que están por concretar
 
O Corgo, 3 de abril de 2013. O BNG do Corgo, a través do seu portavoz, Mario Outeiro, demandou ao do goberno municipal desta localidade, rexistrando no Concello unha solicitude neste sentido esta mesma mañá, unha convocatoria de pleno para abordar, con urxencia e entre outros temas, o proceso de conversión do IES As Mercedes en Centro Integral de Formación Profesional (CIFP), o que na práctica supón o desprazamento para outros institutos de arredor de 200 alumnos e alumnas e 28 profesores de ESO e Bacharelato, tralo malestar e preocupación que está xerar esta problemática entre os pais e nais do alumnado.
 
Tal e como expuxo o portavoz do BNG no Corgo, Mario Outeiro, esta conversión afecta a arredor de 70 alumnos e alumnas do Corgo, que actualmente cursan os seus estudos de ESO e Bacharelato no IES As Mercedes e contan con servizo de autobús e comedor, veranse desprazados cara outros institutos sen que a Consellaría de Educación teña informado de cales van ser. Non entendemos esta maneira de actuar da Consellaría e compartimos o malestar xerado tanto na dirección do centro coma entre os docentes e no alumnado e as súas familias xa que esta decisión non foi nin anunciada nun momento oportuno (case cara finais de curso) nin se tivo en conta para nada a todo o conxunto da comunidade educativa que vai verse afectada, tanto docentes como alumnado. Ademais, a Consellaría de Educación non deu explicacións concretas sobre cal será o destino tanto do profesorado coma do alumnado que está a cursar as ensinanzas que se suprimen e cara que centros da cidade se van a redirixir”.
 
Para Mario Outeiro, “é un tema fundamental que se debe abordar no vindeiro pleno xa que afecta a moitas familias do noso Concello e as forzas políticas estamos para defender aos nosos veciños e veciñas, polo que desde o BNG cremos imprescindíbel que esta problemática se debata no vindeiro pleno”.
 
O portavoz do BNG concluíu que “esiximos unha implicación na procura dunha solución para o alumnado do Corgo que realiza os seus estudos obrigatorios e Bacharelato no IES As Mercedes, porque debemos escoitar as demandas das familias afectadas e actuar defendendo os intereses do noso pobo. O grupo político que represento así o fará porque consideramos que esta situación vén motivada pola falta de interese e desprezo que o PP ten cara o ensino público, sendo capaz de xerar todo este malestar sen consultalo nin sequera antes coa comunidade educativa”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario