8 abr 2013

CONCENTRACIÓN DIANTE DA DA DELEGACIÓN DA XUNTA POLA CONVERSIÓN DO IES DAS MERCEDES

O 5 de abril o BNG apoiou a concentración diante da Xunta de Galiza para reclamar que se manteña a ESO e Bacharelato no IES das Mercedes para non desprazar ao alumnado do Corgo a outros centros
 
O BNG rexistrou o 3 de abril unha solicitude no propio Concello para que se  trate de lograr a mellor solución á problemática que isto xerou para as familias do Corgo
 
O grupo municipal do BNG no Corgo cre que o goberno municipal debe intervir ante unha situación que afecta ao alumnado do Corgo xa que se verán desprazados das Mercedes a outros institutos que están por concretar


Lugo, 5 de abril de 2013. O BNG do Corgo participou esta mañá na concentración que tivo lugar diante da delegación da Xunta de Galiza en Lugo para reivindicar á Consellaría de Educación que non siga adiante co proceso de conversión do IES As Mercedes en Centro Integral de Formación Profesional (CIFP), o que na práctica supón o desprazamento para outros institutos de arredor de 200 alumnos e alumnas, entre eles 70 do Corgo, e 28 profesores de ESO e Bacharelato, tralo malestar e preocupación que está xerar esta problemática entre os pais e nais do alumnado. Ademais do concelleiro nacionalista do Corgo, Xosé Henrique Casanova, tamén participaron na concentración o deputado lucense do BNG no Parlamento Galego, Cosme Pombo, e os concelleiros nacionalistas en Lugo, Antón Bao e Paz Abraira.
 
O BNG esta mesma semana rexistrou no Concello unha solicitude dunha convocatoria de pleno para abordar, con urxencia e entre outros temas, o proceso de conversión do IES As Mercedes en Centro Integral de Formación Profesional (CIFP), o que na práctica supón o desprazamento para outros institutos de arredor de 200 alumnos e alumnas e 28 profesores de ESO e Bacharelato, tralo malestar e preocupación que está xerar esta problemática entre os pais e nais do alumnado.
 
Tal e como expuxo o portavoz do BNG no Corgo, Mario Outeiro, “esta conversión afecta a arredor de 70 alumnos e alumnas do Corgo, que actualmente cursan os seus estudos de ESO e Bacharelato no IES As Mercedes e contan con servizo de autobús e comedor, veranse desprazados cara outros institutos sen que a Consellaría de Educación teña informado de cales van ser. Non entendemos esta maneira de actuar da Consellaría e compartimos o malestar xerado tanto na dirección do centro coma entre os docentes e no alumnado e as súas familias xa que esta decisión non foi nin anunciada nun momento oportuno (case cara finais de curso) nin se tivo en conta para nada a todo o conxunto da comunidade educativa que vai verse afectada, tanto docentes como alumnado. Ademais, a Consellaría de Educación non deu explicacións concretas sobre cal será o destino tanto do profesorado coma do alumnado que está a cursar as ensinanzas que se suprimen e cara que centros da cidade se van a redirixir”.
 
Para Mario Outeiro, “é un tema fundamental que se debe abordar no vindeiro pleno xa que afecta a moitas familias do noso Concello e as forzas políticas estamos para defender aos nosos veciños e veciñas, polo que desde o BNG cremos imprescindíbel que esta problemática se debata no vindeiro pleno”.
 
O portavoz do BNG concluíu que “esiximos unha implicación na procura dunha solución para o alumnado do Corgo que realiza os seus estudos obrigatorios e Bacharelato no IES As Mercedes, porque debemos escoitar as demandas das familias afectadas e actuar defendendo os intereses do noso pobo. O grupo político que represento así o fará porque consideramos que esta situación vén motivada pola falta de interese e desprezo que o PP ten cara o ensino público, sendo capaz de xerar todo este malestar sen consultalo nin sequera antes coa comunidade educativa”.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario