10 mar 2013

O BNG DEMANDA MÁIS TRANSPARENCIA MUNICIPAL

Segundo o CIS, a clase política sitúase, como problema, na cota máis alta da democracia. Os continuos casos de corrupción e a xudicialización da política son factores que levan á cidadanía a afastarse dos seus representantes electos. É pois o momento de que as institucións públicas fagan un exercicio claro de transparencia e de proximidade ao pobo.
 
Na actualidade as tecnoloxías da información e da comunicación ofrécennos ferramentas que a un moi baixo prezo permiten unha ampla difusión de información, como as páxinas web. Deste xeito, xa hai moitas institucións na nosa provincia que empregan a devandita ferramenta para facer público o contido dos plenos, véxanse a Deputación Provincial de Lugo ou concellos, moi semellantes ao noso en poboación, como o de Outeiro de Rei (institucións locais gobernadas polos tres partidos maioritarios).
 
O Concello do Corgo celebra os plenos ordinarios os xoves a media mañá. Esta circunstancia tampouco axuda a que veciños poidan achegarse ás sesións plenarias como espectadores. Porén, dende hai anos o concello dispón de sitio web en internet, http://www.concellodocorgo.net.
 
Por todo isto, o grupo municipal do BNG do Corgo presentou o seguinte ROGO
 
1.    Que se faga público o contido dos plenos do concello do Corgo na súa páxina web, tanto en vídeo, como colgando convocatorias e as actas aprobadas de plenos anteriores.

No hay comentarios:

Publicar un comentario