A semana pasada, Novagalicia Banco fixo público o peche dunhas
131 oficinas, repartidas por todo o estado, como inicio do plan de axuste derivado
do rescate europeo e tras o cuarto expediente de regulación de emprego aprobado polos
sindicatos maioritarios. Desas 131 oficinas, segundo datos
desvelados pola entidade, 49 atópanse en Galicia: 18 na provincia de Ourense,
13 na Coruña, 12 en Pontevedra e outras 6 en Lugo. As clausuras comezarán xa no
mes de abril, e desenvolveranse ata xuño, con outras oficinas como receptoras
deses clientes. Este é o comezo dunha serie de peches no futuro e que afectarán
con máis intensidade na zona rural galega.
Dáse a circunstancia de que a única entidade bancaria que opera
no Corgo actualmente é Novagalicia Banco polo que un futuro peche da oficina
situada no noso concello representaría a perda dun servizo imprescindíbel para
a poboación, dadas as características demográficas, sociais e económicas do
concello cunha parte da poboación moi avellentada, sen capacidade de acceso a
outros tipos de banca e unha dispersión xeográfica que dificulta moito o
desprazamento a outras localidades para acceder a estes servizos.
Hoxe por hoxe a sucursal de Novagalicia Banco é un dos
principais axentes dinamizadores da economía do Corgo, non só polo servizo que
presta a empresas e negocios senón polo efecto vertebrador que indirectamente
ten sobre o sector servizos da economía local. Así pois, a perda deste servizo
suporá un paso moi importante para aumentar a espiral de sangría demográfica
dun concello rural como é o noso.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG do Corgo solicitará no
Pleno da Corporación municipal do día 7 de marzo a adopción do seguinte ACORDO
1. Instar
aos accionistas de referencia de Novagalicia Banco S.A., Goberno de España e
Xunta de Galiza a que garantan a actual rede de oficinas no rural galego.
2. Dar
traslado do presente acordo ao Presidente da Xunta de Galiza e o Presidente do
Goberno do Estado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario