6 mar. 2013

MOCIÓN PARA A DERROGACIÓN DA LEI DE TAXAS XUDICIAIS

O pasado 17 de decembro de 2012 entraron en vigor as taxas xudiciais, logo de aprobárense os formularios de aplicación da Lei 10/2012, do 20 de novembro. Dita Lei grava a interposición de demandas en toda clase de procesos nos ámbitos civil e contencioso - administrativo, ademais dos recursos no eido social, con contías desproporcionadas, cuxos incrementos oscilan entre os 50 e os 750 euros, que incluso poden verse aumentadas en función da contía do preito xudicial.

As novas taxas xudiciais foron rexeitadas por unha ampla representación do sector xurídico, tanto profesionais como funcionarios e funcionarias da administración de xustiza, así como asociacións de consumidores e consumidoras, sindicatos e asociacións e colectivos de toda índole. Desde a súa entrada en vigor, sucedéronse as protestas de practicamente todo o colectivo que presta os seus servizos na administración de xustiza, polas dificultades que engade no acceso da cidadanía a dito servizo público, sen que leven aparelladas outras reformas necesarias para mellorar a súa eficacia.

A Corporación municipal debe defender o acceso de todos os seus veciños e veciñas a un servizo público esencial, como é a xustiza, ao comprobarse que transcorridos apenas dous meses desde a entrada en vigor das taxas xudiciais universais, o sistema xudicial volve a ter unha barreira de acceso que vulnera o principio de igualdade. De feito, o descenso de asuntos nos xulgados é acusado, como comeza a desprenderse das estatísticas xudiciais.

Coas taxas xudiciais en vigor, a solicitude de tutela xudicial pola cidadanía queda condicionada pola súa condición económica ou posición social, dado que as taxas xudiciais non se calcularon en función do nivel de renda, nin moito menos cunha formulación equitativa e redistributiva.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG do Corgo solicitará no Pleno da Corporación municipal do día 7 de marzo a adopción do seguinte ACORDO

1.    Instar á Xunta de Galiza para que demande do Goberno do Estado a derrogación da Lei 10/2012, que regula determinadas taxas no ámbito da administración de xustiza.

2.    Dar traslado do presente acordo ao Presidente da Xunta de Galiza, Presidente do Goberno do Estado e Ministro de Xustiza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario