10 mar. 2013

ESCOLA INFANTIL: ETERNA DEMANDA D@S VECIÑ@S

O venres, día 4 de febreiro do 2011,  publicábase no Boletín Oficial do Estado o convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de prazas públicas de primeiro ciclo de educación infantil no marco do  chamado “PLAN EDUCA 3. 2010”.

Este é un plan que arrinca no 2008, no que o Estado, a través do Ministerio de Educación, colabora coa Xunta de Galicia (aportando 5.276.696 euros para este período), para a creación de prazas do primeiro ciclo de educación infantil (de 0 a 3 anos) no que se establecen políticas de cooperación entre as distintas administracións, incluídos os concellos, para asegurar a oferta educativa neste ciclo; respondendo, ademais, a necesidade de conciliar a vida familiar e laboral das nais e pais, independentemente do seu lugar de residencia, coa atención e coidado dos seus fillos.

Neste convenio  aparecía, entre outros, o concello do Corgo, para creación dunha escola infantil cunha oferta de 20 prazas figurando como administración titular a Xunta de Galicia.

Dado que hai máis de dous anos que se asinou e publicou oficialmente este convenio, preocúpanos que nos orzamentos da Xunta de Galiza para o 2013, non só non apareza ningunha contía para este fin, senón que o Partido Popular rexeitara unha emenda aos orzamentos presentada polo deputado do BNG por Lugo, Cosme Eladio Pombo para a construción da devandita Escola Infantil.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG do Corgo presentou o seguinte ROGO

1.   Que o Concello do Corgo, e nomeadamente o seu alcalde, fagan os trámites oportunos ante a Xunta de Galicia co fin de que O Corgo poida contar a curto prazo cunha Escola Infantil de 0 a 3 anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario