25 abr 2011

ACTO DE PRESENTACIÓN DA CANDIDATURA

O martes, 14 de abril de 2011, ás 21:00 h, o BNG do Corgo presentou nun Centro Sociocultural ateigado de xente, a súa candidatura para as eleccións municipais do 22 de maio.

Abriu o acto Concha Cruz, cociñeira de Reconco (Cela) e candidata nº 3 polo BNG. Nunha intervención breve, Concha aproveitou para presentarse e destacar o peso importante que teñen as mulleres non só no BNG senón nunha sociedade rural cada vez máis aberta e moderna. A súa intervención deu paso a un audiovisual no que se presentaron un a un os distintos membros da candidatura do BNG do Corgo.

En primeira liña, Mario Outeiro entre Quique Casanova e Guillerme Vázquez

A segunda intervención foi de Quique Casanova, funcionario de Medio Rural do Val (Gomeán) e candidato nº 2 polo BNG. Na súa alocución deu un repaso rápido pola intensa labor de oposición construtiva realizada nas últimas lexislaturas, traballando da man das administracións gobernadas polo BNG (Xunta de Galicia e Deputación de Lugo) para beneficiar sempre aos veciños e veciñas do Corgo. Para rematar gabou a figura do candidato e de todas as persoas que por vez primeira forman parte da candidatura do BNG.

Quique Casanova deu paso a un Guillerme Vázquez que analizou a situación actual de Galiza e do estado en relación á crise económica, á guerra de Libia, á reforma das pensións, á lei de augas... Na súa intervención presentou a candidatura do BNG do Corgo como a única saída para que o concello do Corgo abandone a situación de desgoberno na que se atopa.

Para rematar o acto, o portavoz Nacional do BNG presentou a Mario Outeiro, enxeñeiro técnico industrial e profesor de ensino secundario de Guimarás (O Corgo), candidato á alcaldía do Corgo. Mario Outeiro amosouse moi orgulloso non só de encabezar a lista do BNG senón por liderar un grupo humano de tan grande valía, heteroxéneo en lugar de procedencia, idade ou xénero pero cunha característica común, o seu amor polo Corgo. Agradeceu tamén a todos os compoñentes históricos do nacionalismo corgués por loitar para que o BNG sexa no Corgo un grupo político consolidado e cunha base social ampla. Despois de analizar a situación de desgoberno do concello pasou a presentar as liñas básicas do programa eleitoral do BNG do Corgo para a seguinte lexislatura.


Guillerme Vázquez rodeado polos membros da candidatura do BNG do Corgo

Preme AQUÍ se queres escoitar as distintas intervencións do acto (arquivo .mp3).

No hay comentarios:

Publicar un comentario