20 may 2011

CRÍTICAS Á CANDIDATURA DO PP NO CORGO

O PP do Corgo caeu moi baixo nestas eleccións municipais ao levar a persoas que dependeron ou dependen na actualidade dalgún contrato temporal do concello do Corgo.
 
Unha das candidatas traballou dando formación para o concello, mentres que outras dúas traballan na actualidade na axuda a domicilio. O BNG do Corgo critica abertamente este aspecto por dous motivos:
  • Pola forte presión laboral que reciben as traballadoras cuxa renovación dos contratos depende da subxectividade do equipo de goberno. 
  • Polas suspicacias que se poidan crear xa que as traballadoras de axuda a domicilio traballan coa poboación do concello máis desprotexida socialmente.
A maiores, o BNG do Corgo critica que tanto a mocidade como as mulleres do PP só vaian para encher a lista nos postos de atrás, aspecto que se manifesta abertamente ao ocupar as mulleres os últimos postos posíbeis pola “LEY ORGÁNICA 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes”, que en concellos con 11 representantes son os postos 4, 5, 9, 10 e 11.

CENTRO DE INTERPRETACIÓN DO CHAMOSO E ARRANXOS VIARIOS

O BNG do Corgo en nome dos/as veciños/as do concello felicita ao Sr. alcalde e ao seu equipo de goberno:
  
  1. Pola construción dun mausoleo denominado "Centro de Interpretación do Chamoso" entre o devandito río e a autovía A6. A construción do edificio custará aos corgueses case medio millón de euros e servirá para que as veciñas e os veciños do Corgo poidan disfrutar durante 2 meses ao ano dun magnífico servizo de bar (aínda non se coñece que utilización terá o resto do edificio pero tampouco importa). Os corgueses amósanse moi orgullosos do seu pequeno Gaiás, onde poderán disfrutar os seus días de asueto tomando algo entre os bocinazos estridentes do río Chamoso e o marmurio suave dos camións da autovía.
  2. Polo arranxo eficiente da rede viaria do concello. O equipo de goberno está traballando arreo para que o concello do Corgo se introduza nos "Guinness World Records" ao intentar rebachear a destrozada rede viaria municipal en menos de 15 días que dura a campaña. Os corgueses saúdan efusivamente as máquinas dende os balcóns, sinalándolles os baches para unha maior eficacia no rebacheo. Moitos/as veciños/as agradecen o recordatorio agardando xa as vindeiras eleccións para conseguir mellorar as marcas de velocidade obtidas nestas eleccións municipais.
  3. Por favorecer o éxodo da ruídosa e molesta mocidade cara as áreas urbanas, e
  
En xeral polo traballo amosado nesta (e nas anteriores) lexislatura e pola magnífica xestión aos mandos do concello.

ANUNCIOS ELEITORAIS DO BNG

En Youtube poderás ver catro dos anuncios eleitorais do BNG:

MITIN DE CAMPAÑA DO BNG DO CORGO

O BNG do Corgo celebrou o luns, día 9 de maio de 2011, o mitin de campaña ás 22:00 h no centro sociocultural do Corgo.

Cunha grande afluencia de público (arredor de 150 persoas), abriu o acto Pilar Bellón, candidata nº 6, que falou de cultura, deporte e xuventude. A esta seguiulle Concha Cruz, candidata nº 3 e que centrou o seu discurso na área de servizos sociais.



Fixeron intervención tamén, X. Enrique Casanova, candidato nº 2 e actual voceiro municipal do BNG e Fernando Blanco, deputado no Parlamento Galego. Por último fixo intervención Mario Outeiro, candidato á alcaldía do Bloque Nacionalista Galego que debullou o programa de goberno.


 

BREVE RESEÑA DO NOSO CANDIDATO Á ALCALDÍA

Mario Outeiro Iglesias naceu no Corgo hai 32 anos, está casado e ten un fillo. Estudou Enxeñaría Técnica Industrial (especialidade en Química Industrial) e está a piques de rematar Enxeñaría Química. Actualmente é Profesor de Ensino Secundario (especialidade de Tecnoloxía) con praza no CPI de Cervantes (Os Ancares), no que leva exercendo a xefatura de estudos dende o ano 2005. Foi presidente (Xunta Directiva provisional e 1º Xunta Directiva definitiva) dende o 2008 até o 2010 da asociación Terras de Lugo que xestiona os fondos LEADER da comarca e actualmente é membro da Xunta Directiva de varias entidades culturais e deportivas do noso concello e de fóra:
  • Secretario da A.C. Arumes do Corgo.
  • Vogal do Centro de Estudos do Corgo.
  • Secretario do Club de Atletismo Arumes-Área 10.
  • Presidente da Asociación Educativa Tecnogalicia (a nivel galego).
Dentro do BNG exerce as seguintes responsabilidades:
  • Membro da Executiva Comarcal do BNG.
  • Membro do Consello Comarcal do BNG.
A maiores foi o responsábel local do BNG do Corgo durante dous anos.

LIÑAS PROGRAMÁTICAS PARA AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS 2011


  • Realizar urxentemente todos os trámites necesarios para a aprobación definitiva dun PXOM ao servizo dos veciños e como ferramenta dinamizadora, de cohesión e de desenvolvemento.
  • Apostar pola ampliación e potenciación do polígono industrial.
  • Implementar plans de desenvolvemento económico específicos aproveitando a excelente situación xeográfica do noso concello e a rede de infraestruturas que nos atravesa, creando nexos de conexión entre as mesmas e, por suposto, ligados ao polígono industrial.
  • Reforzar os servizos sociais como apoio ás familias (especialmente aquelas con persoas dependentes ao seu cargo). Ampliar todas as prestacións ligadas ao centro de día, así como a creación dun servizo de gardería.
  • Apoiar dende o concello de cara ao sector primario poñendo á súa disposición os locais (antiga cámara agraria do Corgo...) e servizos que precisen, sendo o primeiro en posicionarse na defensa dos seus intereses. Manter e potenciar a feira de Adai como referente do sector, diversificando as súas ofertas.
  • Achegar internet de banda larga a todas as parroquias.
  • Deseñar programas específicos para as parroquias, impulsando a súa dinamización e participación nos temas que lles afecten dende a xestión municipal e promovendo un asociacionismo veciñal no que se sintan representados.
  • Realizar dende o concello programas de diversificación e participacipación de distintas actividades lúdico-deportivas ao longo de todo o ano con especial atención á xuventude, promovendo para tal fin, o acondicionamento dos espazos públicos existentes arredor do centro escolar.
  • Aproveitar os valores naturais de todo o concello e especialmente dos nosos ríos coa creación de novos espazos de lecer e esparcemento ligadas aos mesmos. (creación dunha nova “praia fluvial” no lugar da Ponte de Neira).
  • Poñer en valor os nosos recursos paixasísticos, medioambientais e de patrimonio-etnográfico, tanto para a súa conservación e recuperación como para o coñecemento do noso territorio e que sexan ao mesmo tempo xeradores de riqueza.
  • Deseñar programas culturais que dean cabida ás distintas inquedanzas que moitos veciños amosan ao respecto, apoiando ao mesmo tempo as iniciativas individuais que xurdan (artesáns, recuperación etnográfica…).
  • Controlar dun xeito riguroso todos os investimentos e recursos do noso concello realizando unha redistribución de responsabilidades por áreas no equipo de goberno (obras, benestar social, deporte e xuventude, etc...).
  • En definitiva, realizar unha xestión eficiente e moderna do noso concello poñendo a nosa capacidade de traballo como fianza diante de todos os veciños do concello.

OS NOSOS CANDIDATOS UN A UN

Esta é a candidatura do BNG do Corgo, un grupo humano traballador, preparado e implicado co noso concello; unha candidatura coa que todos os corgueses se poden identificar: é variada nos lugares de orixe, nas profesións que ocupamos, na idade, no xénero pero é uniforme en canto a ilusión, responsabilidade, ideoloxía e compromiso coa nosa xente.


1.-     Mario Outeiro Iglesias: Enxeñeiro Técnico Industrial. Profesor de Ensino Secundario (O Corgo)
2.-     Xosé Enrique Casanova Sánchez: Funcionario de Medio Rural. Concelleiro dende 1999 (Gomeán)
3.-     Mª Concepción Cruz Pallares: Cociñeira (Cela)
4.-     Xurxo Xosé Rodríguez Lozano: Mestre. Concelleiro dende 2007 (Quinte)
5.-     María Abuin Sanfiz: Administrativa (Segovia)
6.-     Pilar Bellón Candal: Administrativa (Laxosa)
7.-     Roberto Rodríguez Páramo: Enxeñeiro Técnico Industrial (Folgosa)
8.-     Xosé Carlos Rodríguez López: Autónomo (Sabarei)
9.-     Ana María Cela Díaz: Empresaria (Manán)
10.-  María do Carme Vázquez Vázquez: Mestra (Farnadeiros)
11.-  Marcial Pérez Rodríguez: Gandeiro (Cela)

SUPLENTES

1.-     Sandra López Álvarez: Cociñeira (Farnadeiros)
2.-     Anxo Fernández Pérez: Gandeiro (Folgosa)
3.-     Xosé Lois Díaz López: Gandeiro (Cerceda)

25 abr 2011

ACTO DE PRESENTACIÓN DA CANDIDATURA

O martes, 14 de abril de 2011, ás 21:00 h, o BNG do Corgo presentou nun Centro Sociocultural ateigado de xente, a súa candidatura para as eleccións municipais do 22 de maio.

Abriu o acto Concha Cruz, cociñeira de Reconco (Cela) e candidata nº 3 polo BNG. Nunha intervención breve, Concha aproveitou para presentarse e destacar o peso importante que teñen as mulleres non só no BNG senón nunha sociedade rural cada vez máis aberta e moderna. A súa intervención deu paso a un audiovisual no que se presentaron un a un os distintos membros da candidatura do BNG do Corgo.

En primeira liña, Mario Outeiro entre Quique Casanova e Guillerme Vázquez

A segunda intervención foi de Quique Casanova, funcionario de Medio Rural do Val (Gomeán) e candidato nº 2 polo BNG. Na súa alocución deu un repaso rápido pola intensa labor de oposición construtiva realizada nas últimas lexislaturas, traballando da man das administracións gobernadas polo BNG (Xunta de Galicia e Deputación de Lugo) para beneficiar sempre aos veciños e veciñas do Corgo. Para rematar gabou a figura do candidato e de todas as persoas que por vez primeira forman parte da candidatura do BNG.

Quique Casanova deu paso a un Guillerme Vázquez que analizou a situación actual de Galiza e do estado en relación á crise económica, á guerra de Libia, á reforma das pensións, á lei de augas... Na súa intervención presentou a candidatura do BNG do Corgo como a única saída para que o concello do Corgo abandone a situación de desgoberno na que se atopa.

Para rematar o acto, o portavoz Nacional do BNG presentou a Mario Outeiro, enxeñeiro técnico industrial e profesor de ensino secundario de Guimarás (O Corgo), candidato á alcaldía do Corgo. Mario Outeiro amosouse moi orgulloso non só de encabezar a lista do BNG senón por liderar un grupo humano de tan grande valía, heteroxéneo en lugar de procedencia, idade ou xénero pero cunha característica común, o seu amor polo Corgo. Agradeceu tamén a todos os compoñentes históricos do nacionalismo corgués por loitar para que o BNG sexa no Corgo un grupo político consolidado e cunha base social ampla. Despois de analizar a situación de desgoberno do concello pasou a presentar as liñas básicas do programa eleitoral do BNG do Corgo para a seguinte lexislatura.


Guillerme Vázquez rodeado polos membros da candidatura do BNG do Corgo

Preme AQUÍ se queres escoitar as distintas intervencións do acto (arquivo .mp3).

ÚLTIMOS ACTOS INFORMATIVOS DO BNG DO CORGO

ACTO SOBRE A REFORMA DAS PENSIÓNS

Día: xoves, 24 de febreiro de 2011
Hora: 21:00 h
Lugar: Antiga escola de Gomeán
Relatores: Mario Outeiro e Xosé Ferreiro


Público asistente ao acto sobre a reforma das pensións


ACTO SOBRE A LEI DE AUGAS

Día: xoves, 11 de novembro de 2010
Hora: 21:00 h
Lugar: Centro Sociocultural do Corgo
Relatores: Mario Outeiro e Fernando Blanco

Mario Outeiro e Fernando Blanco




Público asistente ao acto sobre a lei de augas

5 abr 2011

BENVID@S

BENVIDOS a todas e a todos ao blog do BNG do concello do Corgo.

Os membros do bloque corgués puxemos todo o noso empeño en que este espazo web sirva de enlace directo coa cidadanía do concello.

Nel atoparás os boletíns, os actos informativos, as mocións, os temas de interese... pero tamén será un acceso rápido e eficaz para que os veciños do concello interactuen co BNG do Corgo e poñan de manifesto os seus problemas e as súas inquedanzas.